Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia e da Fundación Galicia Europa
O ano 2020 foi, sen dúbida, un gran desafío para todos, pero para a Unión Europea foi algo máis: unha proba de fogo que demostrou como a construción europea avanza nos momentos de maior crise. Malia o peche das fronteiras por parte de moitos países - que en Galicia afectou especialmente aos municipios fronteirizos con Portugal-, os esforzos da UE para garantir a subministración de material médico e asegurar a circulación de bens e servizos esencias foron moi importantes para facer fronte a pandemia, así como os máis de mil millóns de euros de investimento na investigación do tratamento da enfermidade e das posibles vacinas…
A pandemia provocou, ademais, unha crise económica que precisou de liquidez e de aumentar o gasto por riba dos límites habituais para apoiar os sectores máis afectados. A UE soubo activar os mecanismos de emerxencia existentes para permitir este gasto e habilitar novos instrumentos, como a creación dun marco específico de axudas públicas ou a introdución dunha flexibilidade case total na utilización dos fondos estruturais. Grazas a isto, puidemos apoiar as nosas pemes e autónomos, habilitar infraestrutura para o ensino a distancia ou equipar os nosos hospitais, por citar algúns exemplos.
Pero a magnitude da crise esixía unha resposta aínda máis contundente para a recuperación a medio de prazo. Tras intensos debates, en xullo a UE daba luz verde ao maior estímulo económico da súa historia coa aprobación dun plan de recuperación de preto de dous billóns de euros. Por primeira vez, a Comisión Europea vai emitir débeda pública en grandes cantidades co obxectivo de financiar os investimentos e reformas necesarios para conseguir unha verdadeira transformación verde e dixital, a nosa gran aposta para recuperarnos da crise. Soamente en subvencións, España pode optar a máis do dobre do que adoita recibir en fondos estruturais e deberá executalo en case a metade de tempo. Isto esixe grandes esforzos por parte de todas administracións e, por iso, dende a Xunta de Galicia comezamos xa en outono a identificar grandes proxectos tractores e a mobilizar os diferentes axentes para conseguir esa transformación na nosa comunidade.
Nesta tarefa foi imprescindible o labor da Fundación Galicia Europa, tanto para explicar a resposta europea á crise económica e sanitaria, como para servir de ligazón coas institucións comunitarias. Boa mostra disto é a elaboración dos preto de 70 boletíns electrónicos e a organización de 14 encontros virtuais baixo o nome “Galicia na recuperación económica da UE”, así como de 11 reunións de alto nivel entre membros do goberno galego e altos funcionarios europeos.
En definitiva, e unha vez máis grazas á UE, temos unha oportunidade única para saírmos reforzados desta crise e para afianzar o modelo económico no que vimos traballando nos últimos anos, máis sostible, inclusivo e innovador.
We use cookies to improve your experience and to help us understand how you use our site. Please refer to our cookie notice and privacy policy for more information regarding cookies and other third-party tracking that may be enabled.